24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS
Cada 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha data para poñer en valor estes espazos como lugares de acceso á lectura, á cultura, á información e ao coñecemento.
A conmemoración deste ano chega baixo o lema «Sen profesionais non hai bibliotecas», que nos lembra a importancia das persoas que están detrás destes espazos: as que seleccionan, organizan, acompañan, dinamizan e crean oportunidades para que cada persoa poida descubrir o mundo a través dos libros e da lectura.
Nas bibliotecas escolares, este labor tamén se constrúe coa participación de toda a comunidade educativa e, especialmente, co protagonismo do alumnado, que as enche de vida a través das súas propostas, investigacións e experiencias.
E precisamente así quixemos celebralo: dando voz ás historias e convertendo a lectura nunha experiencia compartida.
Nesta ocasión, o alumnado de 4º de Primaria preparou unha magnífica representación do conto "Alguien se ha tragado a Lola", na que combinou narración, interpretación e unha proposta musical moi especial.
A actuación contou tamén cunha canción personalizada, creada para a ocasión e interpretada polo propio alumnado, que acompañou á historia e lle achegou un toque moi creativo e orixinal.
Pero esta representación tamén nos permitiu recuperar unha temática moi presente no cole durante o curso pasado: o ODS 14, Vida submariña, arredor do que desenvolvemos o noso PDI.
Parabéns ao alumnado polo traballo, pola implicación e por compartir esta experiencia con toda a comunidade.
Porque as bibliotecas escolares son tamén escenarios onde as lecturas se transforman en aprendizaxes, as historias cobran vida e o alumnado se converte en protagonista.
Comentarios