BENVIDA CURSO 2026-2027
Comeza un novo curso e a nosa biblioteca escolar abre de novo as súas portas para acompañar ao alumnado nun ano cheo de lecturas, investigacións, creatividade e participación.
Ratiña e Ratiño xa están de volta, preparados para darvos a benvida e compartir novas propostas, moitas historias e novas oportunidades para seguir aprendendo xuntas e xuntos!
Comezamos incorporando novos títulos aos fondos da biblioteca e retomando o Libro do mes en galego, unha iniciativa coa que seguimos dinamizando os fondos na nosa lingua.
Ademais, volven outras iniciativas que xa forman parte da actividade da biblioteca:
Voluntariado de biblioteca: no que o alumnado de 5º e 6º de Primaria participa activamente na vida da biblioteca.
Bibliopatio: libros e lecturas dispoñibles todos os días nos Patios Tranquilos.
Mochilas viaxeiras: unha oportunidade para compartir lecturas en familia.
Obradoiros e Clubs de lectura: propostas para ler, conversar, crear e intercambiar ideas.
Buzón de suxestións e Libros Liberados: espazos para achegar propostas e darlles novas oportunidades aos libros, porque as ideas e a participación de toda a comunidade tamén constrúen biblioteca.
Recollida solidaria de tapóns: continuamos colaborando coa asociación ANDAINA.
Unha das grandes novidades deste curso é que o alumnado é o protagonista da elección do Proxecto Documental Integrado (PDI) de centro (ODS a investigar este curso dentro do PDI chamado "Estamos aquí")
Antes de votar, desde as aulas recordamos todos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), dialogando sobre o seu significado, coñecendo os retos que propoñen e reflexionando sobre a importancia de construír un mundo máis xusto e sostible. Despois, cada nena e cada neno puido participar na elección, depositando o seu voto na urna instalada no Espazo de Reflexión do centro.
E tras as votacións, chegou o momento de coñecer o resultado! Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza (17 de outubro), o alumnado de sexto de Primaria foi o encargado de presentar ao resto do centro o ODS máis votado: o ODS 1, Fin da pobreza. Unha elección que nos invita a reflexionar sobre as desigualdades, os dereitos humanos e a necesidade de traballar, desde a escola, para construír unha sociedade na que todas as persoas teñan oportunidades para vivir con dignidade.
Escoita aquí o podcast co anuncio do ODS gañador:
A partir de agora, comeza un novo camiño de investigación, lectura, escritura e aprendizaxe compartida arredor deste obxectivo. Seguiremos contando todo o que aconteza!
Comezamos, pois, un novo curso de biblioteca: con libros por descubrir, preguntas que investigar e moitas oportunidades para participar.
Por aquí, xa temos todo preparado.
Agardámosvos na biblioteca!










Comentarios