MAIO ENTRE VIÑETAS

 Coincidindo coa celebración do Día do Cómic Gratis, que ten lugar cada primeiro sábado de maio para reivindicar o seu valor e fomentar a lectura de banda deseñada, na nosa biblioteca quixemos dedicar estes días ao mundo das viñetas e da creación gráfica.

Así, o alumnado de 6º de Primaria participou nun obradoiro de creación de cómic da man de KAME (academia de cómic e debuxo de Vigo) achegándose ao proceso creativo dunha banda deseñada e descubrindo recursos narrativos e visuais propios deste formato: a creación de personaxes, a expresión das emocións, os planos, o movemento ou a importancia da secuenciación das viñetas para contar historias.

Unha experiencia que permitiu comprender que o cómic é moito máis ca entretemento: é tamén unha ferramenta de lectura, expresión artística e alfabetización visual que combina palabra e imaxe para estimular a creatividade e a imaxinación.





Ademais, para seguir celebrando este mes entre viñetas, as primeiras novidades incorporadas á biblioteca son precisamente unha selección de novos fondos de cómic, ampliando así as posibilidades lectoras do alumnado e dando valor a un xénero cada vez máis presente.

Porque ás veces unha historia non só se le… tamén se mira, se interpreta e se vive entre viñetas!

Comentarios