ABRIL MES DO LIBRO

 O mes de abril converteuse, un ano máis, nun tempo especial arredor da lectura no noso centro. Co gallo do Día do Libro (23 de abril), desde a biblioteca escolar puxéronse en marcha diferentes propostas que convidan ao alumnado a ler, crear e compartir historias.

Ao longo destas semanas, a biblioteca acolleu unha exposición de novidades, achegando ao alumnado novos títulos para seguir espertando o gusto pola lectura e descubrindo novos universos.

Un dos momentos máis significativos foi a realización dos apadriñamentos e amadriñamentos lectores, nos que alumnado de diferentes idades compartiu lecturas, fortalecendo vínculos e convertendo a lectura nun acto compartido, onde ensinar e aprender camiñan da man.






A palabra tamén viaxou a través da nosa radio, cun podcast elaborado polo alumnado de 1ºA, no que recitan o poema “Viajar es un placer” de Gloria Fuertes, achegando a poesía dun xeito próximo, expresivo e cheo de emoción.

Ademais, durante as visitas á biblioteca, cada aula tivo a oportunidade de participar nunha proposta creativa a través do stop motion, unha técnica audiovisual que consiste en crear pequenas historias mediante a sucesión de imaxes fixas. A través desta ferramenta, o alumnado puido imaxinar, construír e dar vida ás súas propias narracións, empregando distintos materiais e deixando voar a súa creatividade.




Deste xeito, a biblioteca consolídase como un espazo vivo onde a lectura vai máis alá dos libros, abríndose á creación, á expresión e ao encontro.

"... porque cando lemos
todo é posible,
sobre todo o imposible".
(Eva Mejuto)

Comentarios