CLUBS DE LECTURA
Hai historias que se len… e outras que se comparten, se pensan e se senten en compañía. Así nacen os nosos clubs de lectura, unha proposta que une lectura, reflexión e convivencia, estendéndose desde a biblioteca escolar ata as aulas.
Durante os momentos da Hora de Ler, o alumnado participa en diferentes experiencias lectoras adaptadas ás súas idades:
- Por unha banda, en 5ºB, o club de lectura xira arredor da obra Wonder, unha lectura colectiva que permite traballar valores fundamentais como a empatía, o respecto e a aceptación da diversidade. A partir da historia, o alumnado desenvolve propostas de reflexión persoal —como a parte que máis me gusta de min ou aquilo que ás veces me gustaría ocultar—, convertendo a lectura nun espazo de expresión e autocoñecemento. Ademais, a experiencia complétase con pequenas creacións, como a elaboración de marcapáxinas empregando os recursos do programa Polos Creativos.
- Por outra banda, o alumnado voluntario de 6º de Primaria participa nun club de lectura arredor da obra Megatoxos, aprendiz de druída, de Anxo Fariña. Unha proposta que combina aventura, imaxinación e cultura galega, favorecendo o gusto pola lectura e o intercambio de impresións entre iguais.
Porque ler xuntos é tamén escoitar, dialogar e descubrirnos a través das historias.
Comentarios