PATIOS TRANQUILOS: espazo para a calma, a convivencia e a creatividade
No marco das accións de convivencia do centro, póñense en marcha os Patios tranquilos, unha proposta pensada para ofrecer ao alumnado de Primaria un espazo de lecer alternativo, máis calmado e adaptado ás diferentes necesidades, intereses e características de cada nena e neno.
Durante o recreo, este espazo convértese nun lugar onde desfrutar do xogo tranquilo, afastado do ruído, favorecendo a inclusión, o benestar emocional e as relacións baseadas no respecto e na convivencia positiva.
Os Patios tranquilos están dotados de recursos lúdicos e creativos, entre os que se inclúen materiais procedentes da biblioteca escolar, como xogos de mesa, pezas de construción Kapla e outras propostas que fomentan a imaxinación, a cooperación e o xogo compartido.
Deste xeito, establécese tamén unha conexión coa biblioteca, que amplía a súa presenza no centro a través dos seus recursos, contribuíndo a crear novos espazos de aprendizaxe e lecer educativo máis alá da aula.
Porque educar na convivencia tamén implica coidar os tempos de descanso, ofrecer alternativas inclusivas e crear oportunidades para que cada alumno e alumna atope o seu lugar.






Comentarios