Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas: investigando o mar

 Durante o mes de novembro, a nosa biblioteca sumouse á iniciativa “Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas”, unha proposta que promove o achegamento á ciencia a través da lingua galega, fomentando a curiosidade, a investigación e a comunicación do coñecemento.

Nesta ocasión, cada aula converteuse nun pequeno equipo científico para investigar unha especie mariña en perigo de extinción. O alumnado buscou información, organizou os seus descubrimentos e preparou unha pequena investigación arredor de aspectos como o nome común e científico da especie, as súas características, o hábitat, a alimentación, a reproducción ou as ameazas que poñen en risco a súa supervivencia, entre outros datos curiosos.

Como resultado deste traballo, cada grupo participante elaborou un pequeno podcast en galego, no que o propio alumnado comparte a información investigada e dá a coñecer a especie escollida.

Para dar visibilidade a todas estas investigacións, o mapamundi da entrada do centro converteuse nun punto de encontro coa ciencia: xunto á imaxe de cada animal mariño aparece un código QR que permite escoitar o audio realizado pola aula correspondente.



Deste xeito, a biblioteca escolar amplía os seus espazos de aprendizaxe e convértese nun lugar onde lectura, investigación, ciencia e comunicación se atopan, permitindo que o alumnado non só descubra novos coñecementos, senón que tamén aprenda a compartilos e difundilos.

Porque investigar tamén é preguntar, descubrir e compartir coñecemento… mirando cara ao mar que nos rodea.

Comentarios