INAUGURACIÓN DA NOSA RADIO ESCOLAR

Tal e como anunciabamos con motivo do Día Mundial da Radio, o pasado 27 de febreiro celebramos no centro un momento moi especial: a inauguración oficial da nosa Radio Escolar. Para acompañarnos nesta xornada tivemos a honra de contar cunha convidada de excepción: a xornalista e escritora María Xosé Porteiro García, unha das voces máis recoñecidas do xornalismo galego e firme defensora da comunicación como ferramenta de pensamento crítico, igualdade e compromiso social.

A mañá comezou cun encontro moi especial entre a nosa convidada e o Club de Podcast, que participou nunha sesión de mentoría na que o alumnado puido dialogar con ela sobre o oficio xornalístico, a responsabilidade informativa e o valor da palabra nos medios de comunicación. 

Posteriormente tivo lugar o acto inaugural, no que vivimos un dos momentos máis emotivos da xornada: o descubrimento do nome da nosa sala de gravación, que desde ese día leva o nome de María Xosé Porteiro, como homenaxe á súa traxectoria profesional e ao seu compromiso coa cultura, a lingua e a comunicación en Galicia.






A celebración continuou cun espazo de reflexión para todo o centro, no que o alumnado do Club de Podcast realizou unha presentación sobre a figura da nosa convidada, achegando ao resto da comunidade educativa a súa traxectoria xornalística e o seu compromiso social.



Como parte desta experiencia, o Club de Podcast realizou tamén unha entrevista á xornalista, unha gravación que verá a luz proximamente e que se enmarca no VIII Concurso de Podcasts – Radio na biblio, convocado pola Consellería de Educación en colaboración coa Radio Galega. Esta edición busca divulgar e poñer en valor a figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano, que soubo unir literatura e xornalismo como instrumentos de reflexión crítica e compromiso social. Non é casual que a nosa convidada teña unha relación directa coa autora, o que converte esta conversa nun testemuño especialmente valioso.




Con esta inauguración, a nosa radio consolídase como un proxecto educativo vivo, no que a biblioteca escolar continúa ampliando os seus espazos de lectura, información e creación, ofrecendo ao alumnado novas oportunidades para aprender a comunicar, investigar, preguntar e dar voz ás súas ideas.

Porque na radio, coma na biblioteca, as historias non só se len: tamén se escoitan, se pensan e se comparten.

Comentarios