8M: UN MAR DE MULLERES

 Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no centro iniciamos unha liña de traballo que continuará ao longo do que queda de curso baixo o nome de Mare Matria, unha proposta que dá continuidade ao noso proxecto Matria Téxtil e que nos invita a reflexionar sobre o vínculo entre as mulleres, o mar e o territorio que habitamos.

Nesta primeira achega, partimos dun diálogo co alumnado arredor dun vídeo sobre mulleres no mar, abrindo espazos de reflexión sobre o seu papel na nosa historia e na nosa cultura mariñeira, así como sobre a necesidade de visibilizar traballos que durante moito tempo permaneceron en segundo plano.

A semana completouse coa visita de dúas mariscadoras do noso entorno máis próximo, Rita e Nela, que compartiron co alumnado a súa experiencia vital e profesional. A través do seu testemuño puidemos coñecer mellor a realidade dun oficio fundamental: desde as duras xornadas de traballo no mar ata o proceso que continúa coa chegada do marisco á lonxa e o coidado e preparación das terras que garante a sustentabilidade do ecosistema mariño.






Como continuidade desta experiencia tan significativa, o alumnado tivo a oportunidade de entrevistar a estas dúas mulleres nun novo episodio do noso podcast da biblioteca escolar.

A través desta conversa, afondamos no seu día a día, nas súas vivencias no mar e na importancia do seu labor, dando voz a quen coñece e coida este entorno desde dentro. Un exercicio de escoita activa, comunicación e aprendizaxe que permite ao alumnado transformar a experiencia en coñecemento compartido. Convidámosvos a escoitar esta entrevista, na que o mar volve falar… desta vez, a través das ondas da nosa radio.

Desde a biblioteca escolar acompañamos esta conmemoración cunha exposición de fondos bibliográficos relacionados coa igualdade e coas historias de mulleres, ofrecendo ao alumnado lecturas que amplían miradas e axudan a comprender mellor a importancia de recoñecer e valorar todas aquelas voces que forman parte da nosa sociedade.




Un encontro directo co saber que nos lembra que a historia do mar tamén é historia de mulleres. Porque educar en igualdade tamén significa escoitar, ler e dar visibilidade aos referentes reais do noso entornoE porque, como aprendemos esta semana: 

"sen elas o mar non sería o mesmo".

Comentarios