CURSO 2025-2026: ESTAMOS DE VOLTA
A nosa biblioteca abre de novo as súas portas para este curso 2025-2026 e faino chea de enerxía, novas propostas e moita ilusión lectora.
Ratiña e Ratiño, regresan tamén e volven cunha nova imaxe vinculada ao mundo mariño, co fin de acompañarnos no PDI de centro, “Estamos Aquí”, centrado nesta ocasión no ODS 14: Vida submarina. Así, acompañaranos en actividades, retos e campañas ao longo de todo o curso, animando á lectura, escritura, acceso á información e ao compromiso co planeta.
Como acto de apertura, realizamos unha actividade simbólica e reflexiva inspirada no noso PDI e no coidado dos océanos. O alumnado visualizou o vídeo “Vida submarina. ODS 14”, reflexionou sobre o impacto das nosas accións no medio mariño e escribiu compromisos persoais para contribuír á súa conservación.
Cada achega serviu para crear entre todas e todos o noso “Mar de Boas Accións”, unha instalación colectiva que está exposta no corredor de acceso á biblioteca para lembrar que "pequenas accións, crean grandes ondas de cambio".
Inauguramos tamén o curso con:
-
Novos fondos bibliográficos, dispoñibles no espazo de novidades da biblioteca.
-
Unha exposición temática relacionada co PDI e co ODS 14, que reúne libros sobre vida submariña, biodiversidade oceánica, sustentabilidade e coidado do planeta.
Ademáis, alumnado e comunidade educativa poderán gozar de múltiples propostas ao longo do curso, entre elas:
Bibliopatio todos os mércores nos recreos.
Mochilas viaxeiras, para levar a lectura a casa e compartir en familia.
Voluntariado de biblioteca para o alumnado de 5º e 6º de Primaria.
Obradoiros e Club de Lectura, ampliando espazos de expresión, creatividade e diálogo.
Buzón de suxestións e Libros Liberados, para fomentar a participación da comunidade educativa.
Campaña de tapóns solidarios, mantendo a colaboración coa asociación ANDAINA.
Ao longo deste curso a biblioteca permanecerá aberta todas as mañás, cun horario organizado para que cada aula poida acudir ao espazo de lectura, consulta e traballo por proxectos. Ademais, para toda a comunidade educativa, abriremos: Mércores, xoves e venres de 16:00 a 17:15 h, un tempo pensado para: préstamos e devolucións, lectura individual ou compartida en familia, búsqueda de información, xogos e actividades de lecer, convivencia arredor dos libros, etc.
Dámosvos a benvida a un novo curso cheo de lectura, creatividade e boas accións.






Comentarios