DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
O pasado 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, unha data dedicada a recoñecer o impacto positivo que todas as bibliotecas teñen na sociedade. Este ano, o lema é "Por un futuro sostible", unha invitación a reflexionar sobre o papel que xogan todas as bibliotecas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.
As bibliotecas non son só espazos de almacenamento de libros; son centros de formación, descubrimento e cambio. Ofrecen recursos que promoven valores como a igualdade, a inclusión e o respecto polo medio ambiente, aspectos esenciais para lograr un futuro máis sostible. A través de actividades, iniciativas de lectura e recursos educativos, as bibliotecas contribúen a crear cidadáns críticos e conscientes da importancia de coidar do planeta e de fomentar unha sociedade máis xusta.
Na nosa biblioteca escolar, queremos sumarnos a esta celebración poñendo en marcha, un curso máis, as mochilas viaxeiras. Esta iniciativa permite que cada alumno e alumna leve a mochila da súa aula a casa, para que poidan gozar, en familia, dos recursos que contén, incluindo unha selección variada de materiais que estimulan o pracer pola lectura, o acceso á información e a reflexión sobre temas como a diversidade, a convivencia, a creatividade e a sustentabilidade.
Así, a nosa biblioteca escolar continúa traballando a prol dunha educación que contribúa a un futuro máis sostible, onde a información e a reflexión sexan ferramentas de cambio accesibles para todos e todas.
Comentarios