ACTO DE AGRADECEMENTO

 Esta semana o Equipo de Apoio á Biblioteca Escolar quixemos, como cada ano, facer o merecido agradecemento e recoñecemento ao alumnado vinculado á biblioteca escolar ao longo de todo o curso. Por iso, todo o cole xuntámonos no Espazo de Reflexión do mesmo para homenaxear a través dun pequeno acto de entrega de diplomas e agasaios ao equipo de voluntariado da biblioteca, aos participantes do Club Lector e aos 10 máis lectorxs do curso.


En primeiro lugar, o alumnado de 6º curso recibiu un pequeno obsequio pola súa participación e contribución no Club de Lectura realizado coa obra "A Evolución de Calpurnia Tate" (Kalandraka). Porque cada libro que abrimos é unha porta aberta á imaxinación e ao coñecemento e estamos emocionadxs por compartir neste curso este camiño con vós.



Por outra banda, ao Equipo de Voluntariado de 5º e 6º démoslle o noso máis sincero agradecemento por todo o traballo e compromiso que dedicaron á biblioteca escolar. 

O voso esforzo e dedicación son unha parte fundamental para o funcionamento e o éxito deste espazo tan valioso para todxs nós. Grazas á vosa colaboración desinteresada, a biblioteca converteuse nun lugar onde os vosxs compañeirxs poden gozar da lectura, investigar, aprender e crecer. Ademais, a vosa presenza na biblioteca é un exemplo inspirador para o resto do alumnado. A través do voso traballo, demostrades a importancia da cultura, da educación e do compromiso coa comunidade escolar. 

Este agasaio ten un especial significado. Trátase dunha planta cultivada polo servizo de xardinería da Asociación Aceesca (O Porriño), agardando que esta semilliña que xa plantáchedes na nosa biblioteca a cultivedes nos vosos corazóns.


E como non, un curso máis queremos agradecer ao noso alumnado máis lector, por ser tan dedicados á lectura e ser así exemplo para todxs nós, animándonos a ler máis e descubrir novos mundos literarios. O voso compromiso coa lectura é admirable.









Así que, unha vez máis, queremos dicir MOITAS GRAZAS por formar parte da biblioteca escolar.

Unha forte aperta de todo o equipo!

Comentarios