A NOSA ROSALÍA

Hoxe, 23 de febreiro conmemoramos o día de Rosalía de Castro. Este ano queremos resaltar o seu amor polas paisaxes galegas, dise dela que foi unha das grandes poetas da paisaxe,  e así coa súa axuda animar ao noso alumnado a descubrir e coñecer mellor as herbas, plantas ou árbores que nos rodean, porque a mellor maneira de coidar o noso planeta é se primeiro descubrimos a súa beleza e aprendemos a apreciala  e desfrutala para despois involucrarnos en preservala.

Para isto preparamos na biblioteca unha serie de actividades inspiradas no libro “Nasín cando as prantas nasen, O herbario de Rosalía de Castro” creado e publicado pola Fundación Rosalía de Castro, onde se recollen da súa obra todas as referencias a plantas ou flores concretas e termos xenéricos coma “Herbas do campo florido” ou “Herbiñas do campo santo”, ilustradas todas elas con fermosas fotografías. Por suposto entre as flores máis mencionadas sobresae a rosa, que triplica en número a segunda planta máis presente, o carballo. Así atopamos como agasaio un esgallo de roseira para plantar e coidar en cada aula, e máis adiante transplantar nas xardineiras que estamos a crear no patio. Tamén hai uns exemplares dalgunhas plantas e follas de árbores metidos dentro das caixas parlantes para que o alumnado poida experimentar con tódolos seus sentidos,  e crear algúns versos expresando o que lles evocan.

Con todas as creacións poéticas faremos unha exposición no corredor de acceso á biblio, que mostraremos como resultado final.




E... por se fora pouco, o alumnado de segundo de primaria participou no concurso escolar de ilustración, collage e reciclaxe con perspectiva feminista organizado pola Deputación de Pontevedra, realizando estas grandes obras en "Arts and Crafts" e unha das aulas obtivo o PRIMEIRO PREMIO!

Destacamos así a importancia desta escritora dentro do feminismo como unha das nosas referentes  culturais fundamentais, hoxe símbolo da nosa identidade galega.









Comentarios