8 M. I CLUB DE LECTURA FEM.

Este ano traballamos durante a semana do 8 ao 12 de marzo, nas horas de ler do cole, a figura da muller, a través do noso I CLUB DE LECTURA FEM, tratando de mostrar lecturas onde a muller e a nena están presentes, a través dunha selección previa de recursos bibliográficos da biblioteca. De esta forma, debatimos, compartimos e empregamos o noso sentido crítico a través desta ferramenta, gozando dos beneficios dun club de lectura con perspectiva de xénero.






"Se non podo ler, non quero formar parte da túa revolución", foi o lema adaptado da coñecida cita de Emma Goldman (todo un exemplo de pensamento feminista) para a realización das diferentes actividades e obradoiros que se levaron a cabo tras as lecturas colectivas, signado en LSE e accesible para todo o noso alumnado, o cal podedes ver a través deste código QR.





De todas as lecturas, cada clase elixiu unha para traballar en máis profundidade, desenvolvendo actividades arredor da figura dunha muller relevante, como por exemplo, mulleres relacionadas co mundo animal, tales como DIAN FOSSEY ou JANE GOODALL, vinculando así o noso PDI de centro "Seguindo as pegadas", coas que se levaron a cabo actividades como: creación de nubes de palabras, círculos restaurativos (prácticas restaurativas), mapas mentais...





Ademais, trasladamos todas as nosas reflexións tras os debates a modo de palabras, frases ou debuxos das mulleres importantes da nosa vida, que incluimos no rostro da muller elixida para facer un mural colectivo no centro, que está nunha exposición conxunta.







O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, ademáis do programado, fixeron un miniobradoiro máis elaborado  para a súa idade, da man do Equipo de Convivencia do cole e da nosa mestra e teacher, Alba Alonso Feijoo (experta en igualdade e diversidade afectivo-sexual, e creadora do proxecto Realkiddys https://www.realkiddys.com/), traballando co conto "LA PERRA, LA CERDA, LA ZORRA Y LA LOBA" de Marta Sevilla (ilustradora) e Luis Amavisca (autor).

Co desenvolvemento do noso proxecto neste tempo, démonos conta que a maioría dos animais que aparecen nos contos son machos e non femias!

E por que non poden ser elas as protagonistas dos contos tamén?

Pero ademáis diso caímos na conta de que moita da linguaxe usada para definir as femias era negativa, máis aló do seu significado principal!

Pois estas catro amigas xuntáronse un día para pedir mais papeis nos contos, porque nunca aparecen neles!




E é que este traballo pola igualdade, faise en EQUIPO.

Comentarios