30 DE XANEIRO: PALABRAS QUE CONSTRÚEN PAZ

Con motivo da conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz (DENIP), a Biblioteca Escolar quixo sumarse activamente a esta data tan significativa converténdose, unha vez máis, nun espazo de reflexión e encontro.

Durante a semana, púxose a disposición da comunidade educativa unha exposición de fondos bibliográficos relacionados coa paz, a convivencia, a resolución pacífica de conflitos e o respecto á diversidade, entendendo a lectura como ferramenta fundamental para educar na empatía e no pensamento crítico (ALFIN). Porque aprender a vivir en paz tamén se constrúe entre páxinas.




Ademais, colaborando co Equipo de Convivencia e Benestar do centro, desenvolveuse un acto conxunto no que o alumnado do Club de Convivencia Igualitaria explicou o significado desta data e lembrou que a paz é unha tarefa diaria que se constrúe con palabras, actitudes e decisións conscientes.

O acto culminou cun desfile polo centro, no que cada aula amosou carteis con lemas a prol da paz, conectando esta mensaxe co ODS 14: Vida Submariña, eixo vertebrador do noso proxecto anual. Así, reflexionamos sobre a idea de que non hai paz posible sen respecto ao planeta: coidar os océanos é tamén unha forma de coidarnos entre nós. Un mar en calma comeza nas relacións que construímos cada día.








A celebración contou, ademais, cun momento especialmente emotivo grazas á participación de Antón, exalumno do centro, que acompañou o acto cun concerto de arpa, creando unha atmosfera de calma e reflexión.


Dende a Biblioteca seguimos apostando por educar para a paz a través da palabra, da música e da acción colectiva, convencidas e convencidos de que cada pequeno xesto conta na construción dunha convivencia máis xusta e sostible.

Comentarios