30.4.10

MAIO, MES DAS LETRAS 2010
E despois de "Abril, mes dos libros" chega un intenso mes de Maio no que será protagonista a cultura galega. A programación para este mes é do máis interesante:
  • CLUB DE LECTURA: os membros do club terán un encontro co autor do libro "A Monstroescola"
  • VISITA DE ANXO FARIÑA: o ilustrador visitaranos para mostrarnos as súas técnicas de creación.
  • WEBQUEST UXÍO NOVONEYRA:os ratiños e ratiñas detectives da escola deberán poñerse a traballar para resolver un novo reto.
  • MALETAS VIAXEIRAS: levaran polas aulas libros que teñen como protagonista a Uxío Novoneyra.
  • SESIÓN DE CONTACONTOS: os nenos e nenas de 3º CICLO contarannos 3 historias fantásticas.
  • LER E CANTAR: cantaremos o poema "Galicia " de Manuel María.
  • RATIÑOS INVESTIGADORES (ALFIN NA BIBLIOTECA): o detective que levamos dentro entrará en acción para saber máis cousas sobre Uxío Novoneyra.
  • CINE EN GALEGO: unha nova sesión de cine na biblioteca en galego O Cid e Lucky Lucke.

Lembrade que ademais entregaranse os premios do certame literario que organiza o Equipo de Normalización como punto e final á Semana Cultural.

20.4.10


CINE EN ABRIL, MES DOS LIBROS

O cine é unha das actividades habituais na biblioteca do cole. En abril procuramos escoller un título relacionado coa literatura e nesta ocasión o títluo que veremos é "KIKA SUPERBRUJA" . Esta é unha das coleccións da que máis préstamos realizan os ratiños e ratiñas lectoras da escola, así que imaxinamos que gozaran coa proxección.

As sesións realizaranse por ciclos hoxe martes 20 de abril...XA SABEDES: VÉMONOS NA BIBLIOTECA!

17.4.10

RATIÑOS DE BIBLIOTECA: ALFIN EN ABRIL

Desde dúas bibliotecas escolares chéganos a proposta para realizar dúas investigacións centradas nas celebracións deste "Abril, mes dos libros".



A primeira das procuras de información centrarase en cuestións relacionadas co Día Internacional do Libro que se celebra como xa sabedes o 23 de abril. Esta webquest foi realizada pola biblioteca escolar do Cep de Cespón. Está pensada para o 2º e 3º ciclo de primaria.

Premede na foto de Cervantes para iniciar a investigación.

E desde a biblioteca do CEIP de Covas en Viveiro chéganos unha caza do tesouro para aprender moitas cousas do Día do Libro Infantil e Xuvenil. Premede na foto de Andersen para resolver as cuestións que nos plantexan.




FELIZ INVESTIGACIÓN, RATIÑOS DETECTIVES!

16.4.10

CLUB DE LECTURA

Inicia a súa andaina o club de lectura da nosa biblioteca escolar. Faninos moita ilusión, porque ata o momento aínda que en cada titoría se realizan lecturas colectivas non funcionaba un club de lectura como tal.

Nesta primeira experiencia o club ofertouse aos nenos e nenas de 4º de primaria e a súa actividade está cordinada pola profesora María Velasco.

Escollimos como primeira lectura "A Monstroescola" de Anxo Fariña. O clube reúnese cada 15 días e nel participan 18 ratiños e ratiñas lectoras que se apuntaron ao mesmo voluntariamente. As reunións realízanse en horario escolar, xa que organizalo en horario extraescolar no noso centro é complicado xa que non temos transporte e moitos nenos non poderían asistir aínda que quixeran.

Os membros do clube (que aparecen na foto) teñen o seu carné personalizado e reuniranse en Maio co autor da obra dentro das actividades programadas para a Semana Cultural.


6.4.10

ABRIL, MES DOS LIBROS

Chega de novo o mes de abril e con el unha época de celebración para todas as bibliotecas. Entre a celebración do Día do libro infantil e xuvenil e o Día do libro e dos dereitos de autor dispoñemos de todo un mes para realizar actividades relacionadas coa lectura.



A nosa programación para o mes de abril é a seguinte:
  • CLUBE DE LECTURA: poñemos en marcha o clube de lectura, "A Monstroescola" de Anxo Fariña será o noso primeiro título.
  • CINE E LIBROS: unha nova sesión de cine relacionado coa literatura, nesta ocasión gozaremos coas aventuras de "Kikasuperbruxa" un título de éxito na nosa biblioteca.
  • AS LINGUAS DA ESCOLA "CARAPUCHIÑA VERMELLA": as familias da escola colaboraron para realizar unha versión de Carapuchiña Vermella plurilingue.
  • TICs NA BIBLIOTECA: aproveitaremos neste mes de abril para poñer en práctica as actividades de formación de usuarios deseñadas polo equipo de biblioteca para a pizarra dixital.
  • VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL DE MOS: o alumnado de educación infantil e de 1º ciclo visitará a biblioteca municipal de Mos.
  • PRESENTACIÓN DO CONTO VIAXEIRO: como en cursos anteriores e para conmemorar o Día Internacional do Libro presentarase unha nova edición do conto viaxeiro.