13.10.09

OUTUBRO, BIBLIOTECAS ESCOLARES E SORRISOS

O curso pasado o noso proxecto para a biblioteca escolar titulouse "Ler as emocións, emocionarse ao ler", unha das actividades principais foi a lectura por niveis de tres coleccións de libros que se centraban no tratamento das emocións.

Ao final do curso decidimos pedir aos ratiños e ratiñas lectoras do colexio que plasmaran en papel un dos nosos sentimentos favoritos: A ALEGRÍA, ese sentimento de pracer que se manifesta con signos exteriores... precisamente escollimos o sorriso somo signo exerno de manifestación de felicidade, gozo, ledicia, pracer ou satisfacción como antídoto para o desgusto, pena, pesar ou tristeza... por que consideramos que así teñen que medrar os nosos nenos e nenas, e queremos que a biblioteca escolar colabore na formación de nenos felices e seguros de si mesmos.
Aquí tendes un vídeo que recolle un ronsel de sorrisos acompañados da canción de Rosana titulada "Sonríe" na que nos invita a ver o lado positivo das cousas.

FELIZ CURSO! FELICES LECTURAS!

8.10.09



OUTUBRO, MES DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES


Iniciamos un novo curso na nosa BIBLIOTECA ESCOLAR, o 3º xa dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, e aproveitamos a ocasión para presentar o cartel deseñado por Miguelanxo Prado para conmemorar o mes de outubro, elixido como Mes das Bibliotecas Escolares...
A biblioteca escolar como unha porta de entrada a todo tipo de lecturas, en todo tipo de soportes... como un espazo ideal para achegarnos á lectura informativa ou á lectura pracenteira da poesía, do teatro, do comic...
Un espazo onde ler a letra impresa no papel ou na pantalla dun ordenador, escoitar un audio e trasladarnos a outros lugares navegando pola rede.
No colexio intentaremos aproveitar este mes de outubro para estrear a nosa nova e flamante biblioteca e dar a coñecer todas as súas posibilidades aos ratiños e ratiñas lectoras da nosa escola e ás súas familias.
Desde o equipo de biblioteca desexámosvos un feliz comezo de curso cheo de felices lecturas!