9.1.12

EU FALO ASÍ....

O día 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar pola Paz e a non Violencia. Gústanos propoñer desde a biblioteca cancións que nos inviten a ser mellores, a comprender aos demais e substituir as pelexas e a violencia por palabras de cariño e comprensión, aceptar a diferencia demostra intelixencia. Gozade coa canción "Eu falo así"

17.12.11

MERRY CHRISTMAS...

Deixámosvos este ano unha fermosa historia de nadal que vos vai facer aplicar os vosos coñecementos de inglés Aproveitamos para felicitar a toda a comunidade escolar FELIZ NADAL!!

9.12.11

10 DE DECEMBRO: DEREITOS HUMANOS

A historia de Said un adolescente que vive no norte de África e soña con cruzar o estreito para vivir unha vida mellor...

22.11.11

DEREITOS DOS NENOS E DAS NENAS

Imos aprender con POCOYO e os seus amigos os NOSOS DEREITOS:
DEREITO Á EDUCACIÓN, A XOGAR, Á SAÚDE, A UNHA FAMILIA, A UNHA IDENTIDADE, Á IGUALDADE, Á PROTECCIÓN.


















17.11.11

25 DE NOVEMBRO "DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO"



 
Un ano mais celebramos o Día Contra a Violencia de xénero, gostarínos que o ano que ven non tiveramos que publicar nengunha entrada sobre este tema pero moito nos tememos que vista a realidade ainda quede un longo camiño por recorrer para erradicar este pesadelo das nosas vidas. O traballo cos mais novos, nenos e nenas, é fundamental así que vos animamos a reflexionar sobre o tema nas aulas.

20.9.11

INICIO DE CURSO...

Con certo retraso iniciamos a actividade no blog da biblioteca neste novo curso 2011/2012. Levamos dous meses coa biblioteca en plena actividade, os nenos da escola asinaron os contratos nos que se comprometen a respectar as normas de biblioteca e xa puxemos en marcha as mochilas viaxeiras deste curso.
Nesta ocasión as mochilas estarán nas casa 15 días, esta era unha reclamación por parte das familias xa que 10 días eran un pouco escasos para gozar co seu contido.
Como novidade este curso as mochilas do primeiro ciclo levan todos os materiais en lingua galega e as do terceiro ciclo están dedicadas á lectura para aprender, así que todos os materiais son divulgativos.
Deixámosvos como regalo de inicio de curso este video sobre as bibliotecas mais fermosas do mundo.

1.6.11

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS


Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

16.5.11