Día Internacional das Persoas con Discapacidade: "TECENDO INCLUSIÓN"

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o 3 de decembro, a Biblioteca sumouse á conmemoración cunha exposición temática que recolleu unha selección de títulos centrados na diversidade, a inclusión, a empatía, a convivencia e o respecto polas diferenzas individuais. Un espazo pensado para achegar ao alumnado historias e voces que nos axudan a comprender que todas as persoas temos dereito a ser, sentir e participar plenamente na comunidade.

Ademais, participamos nunha actividade moi especial promovida polo Concello de Mos a través de EVD Galicia: unha intervención artística colaborativa na que o alumnado de 5º de Primaria escribiu mensaxes en cintas de cores, tecendo palabras positivas que reivindican a diversidade como valor e como dereito fundamental.

Así, as nosas alumnas e alumnos de 5º deixaron por escrito ideas como respecto, empatía, diversidade, amizade, cooperación ou dignidade, contribuíndo a unha obra colectiva co resto de centros do municipio que será instalada no Parque da Auga de Sanguiñeda, simbolizando que a inclusión se fai entre todas e todos, capa a capa.





Esta actividade complétase co noso traballo diario dende a Biblioteca Escolar e o centro, que aposta por unha escola máis inclusiva, máis xusta e máis democrática. Como di Verna Myers:

“Diversidade é que te inviten á festa. Inclusión é que te saquen a bailar.”

E nós engadimos: a festa só acontece cando hai quen segue convidando a unha Inclusión Real.

Comentarios