O CLUB DE LECTURA EN 6º
Este curso, o alumnado de sexto de primaria, acompañado pola mestra Yolanda, está a participar, cada venres na hora de ler, no club de lectura. A obra elixida é A evolución de Calpurnia Tate, da editorial Kalandraka, unha historia que combina a curiosidade científica coa importancia de romper barreiras sociais.
Durante estas sesións semanais, o alumnado voluntario neste club comparte as súas impresións sobre os capítulos que van lendo, reflexionan en grupo sobre temas como o papel da muller, o amor pola natureza e o valor de ser unha mesma.
O obxectivo deste club de lectura non é só desfrutar dunha boa historia, senón tamén fomentar habilidades como a comprensión lectora, o pensamento crítico e o traballo colaborativo. Ademais, a actividade converte as horas de ler nun espazo dinámico onde o alumnado aprende a expresar as súas ideas e a escoitar as dos demais.
Desde a biblioteca seguiremos atentas para compartir as súas creacións e reflexións.
Ler é unha aventura, e Calpurnia está a ser unha guía excepcional!
Comentarios