NESTES MOMENTOS DIFÍCILES PARA O GALEGO...

Achegámosvos un extracto do manifesto sobre a lingua feito público polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. e publicado en www.vieiros.com
"O galego é meu, o galego é noso, é de todos e todas. O galego é do que o fala, e é tamén do que aínda non o fala, ou do que xa non o fala... O galego é daquel que o ama e mesmo daquel que o odia, se é que hai algunha persoa que tal sinta polo seu patrimonio herdado... Porque, ao final, que é o galego? O galego é o máis valioso dos nosos tesouros inmateriais, xunto coa música que tamén é outro tesouro. Realmente é difícil ver o valor de certas cousas até que sentimos a súa carencia, a súa falta, cando xa é tarde... Hoxe é tal vez tarde para recuperar a lagoa de Antela, a lagoa que hoxe a ninguén se lle ocorrería desprotexer, mais iso nos anos 50 non se viu. Hoxe é tarde para recuperar o que foi destruído, mais non é tarde para aprender deses erros e protexer o que nos resta. A ninguén, non seu san xuízo, se lle ocorrería desprotexer a catedral de Santiago, e sen ir tan lonxe, a ninguén se lle ocorrería desprotexer a arte e arquitectura da cidade de pedra compostelá... Mesmo indo contra a suposta liberdade individual dos propietarios e propietarias dos inmóbeis da zona histórica, todos e todas concordamos en que hai que protexer o que é patrimonio común... E a lingua? Acaso a nosa lingua non merece o mesmo que as nosas pedras? Ela é patrimonio de todos e todas nós, e non só... ela é tamén patrimonio de todo o Estado, e da humanidade enteira. Entón, non merece o mesmo esforzo de protección? (...) Desde este Colexio Profesional queremos tamén advertir da importancia que a integración do pasado ten para o benestar presente e futuro das persoas. Un pobo que, non por vontade, porque se algo demostrou o pobo galego foi aprecio e lealdade á súa lingua é un pobo condenado a non saber quen é... E un pobo, ou unha persoa, que non sabe quen é, non pode contribuír con nada de orixinal ao destino da humanidade. Porque a universalidade do saber non vén da maior ou menor extensión dese coñecemento, senón da profundidade á que somos capaces de chegar co noso saber". (...) E como di a poeta e psicóloga Concha Rousia, "Quando morren o último falante de uma língua morre um sonho da Humanidade". Porque as linguas son todas obras marabillosas da Humanidade, dignas de seren protexidas, e a nosa non pode ser menos. Polo tanto de nós, dos nosos gobernos, depende pois que ese soño non esmoreza"

Comentarios