20N DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA: "ACOLLEMENTOS LECTORES"

Con motivo do 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, o noso centro sumouse, un curso máis, á celebración do Día do Pixama, unha iniciativa educativa que pon o foco no dereito de todos os nenos e nenas a medrar nun fogar seguro, acompañado e afectivo. Esta xornada serviunos para reflexionar sobre a importancia da protección, o coidado e a convivencia no desenvolvemento infantil.

Enmarcados neste mesmo espírito, e como proposta desde a Biblioteca Escolar, desenvolvéronse os Acollementos Lectores (Amadriñamentos e Apadriñamentos Lectores). Uns días antes tivo lugar unha xornada previa de encontro, na que madrinas, padriños e o alumnado máis pequeno puideron coñecerse e iniciar un vínculo que posteriormente se consolidaría ao redor da lectura.

Posteriormente, na hora de ler do propio día 20N, desenvolvéronse as sesións de lectura, nas que cada madrina ou padriño seleccionou contos e libros axeitados aos gustos e preferencias lectoras das súas afilladas e afillados. Esta actividade permitiu crear espazos de acompañamento, atención e afectividade, reforzando valores de responsabilidade, empatía e solidariedade entre o alumnado.

Deste xeito, a celebración do Día da Infancia permitiu unir dúas accións profundamente educativas: o Día do Pixama, como símbolo do dereito ao fogar e ao afecto, e os Acollementos Lectores, como unha práctica de coidado entre iguais que promove a empatía, a responsabilidade e o pracer de ler acompañados, creando vínculos a través dos libros.












Comentarios