8M E SEMANA DA PRENSA: PLUMAS AMARELAS

O pasado 8 de marzo non foi un día de celebración, senón de loita e reivindicación pola igualdade. 

No noso centro, conmemoramos esta data cunha programación especial, coincidindo, ademais, coa Semana da Prensa.

Este ano tivemos a honra de contar coa actriz e presentadora Cristina Maró como invitada de honra, considerada para nós unha muller <<pluma amarela>>, presentada así polo noso Club de Convivencia Igualitaria. A súa presenza serviu como inspiración para as diferentes actividades desenvolvidas para ambas conmemoracións, pois a traxectoria profesional da nosa convidada serviulles como referencia para reflexionar sobre o papel da muller no ámbito mediático e audiovisual.


Ademais, ao longo da xornada, abordamos as desigualdades que seguen a afectar ás mulleres e a necesidade de seguir traballando polo ODS 5: Igualdade de Xénero. Relacionamos tamén esta loita co ODS 2: Fame Cero, porque sabemos que a igualdade pasa por garantir dereitos básicos para todas as persoas.

A través do símbolo do mandil, analizamos os roles de xénero impostos historicamente ás mulleres e reivindicamos que todas as persoas, independentemente do seu xénero, poidan compartir espazos e responsabilidades en igualdade. Así, unha das propostas especiais da xornada foi a actividade simbólica que realizamos conxuntamente: cada neno e nena pegou unha pluma amarela nun mandil compartido, simbolizando a liberdade de uso deste elemento e rompendo cos estereotipos que historicamente asociaron a cociña e outros espazos ao traballo exclusivo das mulleres. A través deste xesto, reivindicamos que todas as persoas, independentemente do seu xénero, poden compartir responsabilidades en igualdade.

O noso acto culminou cunha emotiva interpretación da canción “Plumas Amarelas”, de A Banda da Loba. Unha canción que fala de liberdade, de romper cadeas e voar sen medo. Porque as mulleres son libres para ser, decidir, escoller e, sobre todo, VIVIR.


Ademais, dentro do traballo en ALFIN/AMI, realizamos unha entrevista exclusiva nun podcast con Cristina Maró, onde compartiu a súa visión sobre a igualdade, a súa experiencia nos medios e a importancia de consumir e producir información de forma crítica e responsable. Unha conversa inspiradora que podedes escoitar xa!

Sigamos formando lectores e lectoras críticos para construír un mundo máis xusto e igualitario!

Comentarios