DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ: ALMORZOS DE GRATITUDE

Este xoves día 30 celebramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz (DENIP), unha xornada para fomentar valores como a solidariedade, o respecto e a gratitude.

Para esta ocasión, organizamos unha actividade chamada “Almorzos de Gratitude”, en consonancia co PDI de centro, na que cada aula preparou un pequeno agasallo para outra clase compañeira, fomentando a gratitude entre o alumnado. A través deste almorzo, baseado en alimentos saudables, o alumnado puido compartir un momento de coidado e atención cara aos demais. Pero o máis significativo foron as mensaxes escritas nos “Panos de Gratitude”, onde expresaron palabras de agradecemento e recoñecemento, contruibuindo ao Proxecto Lector.
Este intercambio permitiulles comprender a importancia de valorar aos demais e expresar emocións positivas.

Ademais, o alumnado de sexto curso levou a cabo unha reflexión, a través dunha presentación preparada por eles e ellas, sobre un tema de gran relevancia: a fame no mundo. 
A través da súa exposición, invitáronnos a tomar conciencia desta problemática e a buscar formas de contribuír a un mundo máis xusto.

Para completar a xornada, contamos coa visita dos maiores do Centro de Día O Son do Regueiroque compartiron o momento de merenda co alumnado de Educación Infantil e, co segundo ciclo de primaria na nosa biblio, as súas experiencias de vida relacionadas coa fame. As súas historias permitiron ao noso alumnado conectar coa realidade doutros tempos e comprender mellor o valor dos alimentos e da solidariedade.

Como complemento a esta xornada de aprendizaxe e sensibilización, o alumnado voluntario da biblioteca escolar encargouse de seleccionar e organizar unha mostra de recursos e materiais relacionados con esta conmemoración. Esta exposición, dispoñible na biblioteca, serviu como unha ferramenta pedagóxica para profundar nos valores tratados e fomentar a reflexión crítica entre o alumnado.

En definitiva, esta celebración axudounos a reflexionar sobre a importancia de agradecer e de cultivar actitudes que fomenten unha convivencia pacífica.

Porque unha sociedade que pon en valor a gratitude será sempre unha sociedade máis harmoniosa e xusta.


















Comentarios