CALDIÑO DE GLORIA

O pasado 23 de febreiro, conmemorouse o Día de Rosalía de Castro, unha data especial para lembrar e homenaxear a unha das figuras máis importantes da nosa literatura e identidade como pobo. Con tal motivo, o pasado venres 21, reunímonos no espazo para celebralo dun xeito moi especial.

O noso alumnado puxo voz ao emotivo poema Miña casiña, meu lar, nun podcast que escoitamos todas e todos xuntos. Agora, podedes desfrutalo vós tamén na sección de podcast da nosa biblioteca ou pinchando no enlace desta entrada.

Ademais, vinculamos esta celebración co Proxecto Documental Integrado (PDI) do centro, que este curso trata sobre a alimentación saudable e o obxectivo de fame cero. Aprendemos a preparar o tradicional caldiño de gloria, unha receita sinxela pero nutritiva que simboliza a importancia de aproveitar os alimentos dispoñibles e de valorar unha alimentación sostible e accesible para todas as persoas.

Con este pequeno xesto, reflexionamos sobre a necesidade de garantir unha nutrición equilibrada para toda a sociedade, seguindo o exemplo dos nosos antepasados, e sobre a importancia de loitar contra o desperdicio alimentario e a fame no mundo.

Viva Rosalía e viva a alimentación sostible! 



Comentarios