8M: MATRIA TÉXTIL

 A semana pasada levamos a cabo a actividade “Matria Téxtil” con motivo da conmemoración do 8M, iniciando o noso proxecto de marca sostible para reflexionar sobre o papel da muller na industria téxtil e na sociedade, así como sobre o consumo, tema central do noso PDI Estamos Aquí.


Desde tempos inmemoriais, as mulleres foron parte fundamental da industria téxtil, desempeñando un papel crucial na creación e mantemento das técnicas e tradicións artesanais que enriquecen a nosa cultura. Nestas xornadas, quixemos render homenaxe ás mulleres que foron pioneiras no campo da moda e a todas aquelas que, a día de hoxe, continúan a loitar por unha industria téxtil máis xusta e equitativa.

Así, o noso principal obxectivo con esta tarefa foi que o alumnado crease un espazo seguro e feminino en torno ao mundo do téxtil, facendo o primeiro deseño en téxtil tras a previa creación da nosa marca sostible, resultando a máis votada: Arteco recicla.

A actividade desenvolveuse en varias fases, realizadas na semana do  4 ao 8 de marzo:

FASE I: explicación da actividade nas aulas, visualizando videos, cortos e contos para amosar a relación entre a data a conmemorar e a industra téxtil (traxedia acontecida o 8M de 1911).
Nesta primeira fase motivacional, conectamos a temática do 8M coa situación das mulleres no téxtil e como loitar contra o consumo, a través de rutinas de pensamento como Vexo-Penso-Pregúntome.

FASE II: realización de obradoiros interciclo enfocados en ámbitos de aprendizaxe para confeccionar unha bolsa reutilizable (tote bag).
Nestes obradoiros, que levamos a cabo todo o centro de forma rotativa, levaron a cabo o deseño íntegro da tote bag así como coñecemos figuras relevantes no mundo do téxtil e do consumo sostible.

Ámbito matemático: realización do patrón da bolsa.





Ámbito lingüístico: deseño dun slógan resaltando unha mensaxe feminista en contra do consumo.




Ámbito de aprendizaxe familiar: aprendemos da experiencia de nais do centro que nos transmiten as súas experiencias no mundo do téxtil, móstrannos as súas creacións e dannos consellos para traballar coa nosa bolsa reutilizable.



Ámbito científico: mensaxe en formato video dunha invitada inspiradora, a influencer Andrea Goro, que nos deu consellos sobre o consumo e ecoloxía, aprendendo a transformar o noso mundo coas nosas accións. Posteriormente, fixémoslle preguntas para que nos poida responder e crear un podcast con esta entrevista, para difundir e influenciar tamén á nosa comunidade educativa.

Tamén reflexionamos sobre os nosos hábitos de consumo e a necesidade de promover unha moda máis sostible e ética.



Ámbito cultural: coñecemos a figura de Vivienne Westwood, realizando diversas propostas de reflexión a partir do seu lema "Compra menos, elixe ben e fai que dure".



FASE III: 
cada grupo interciclo asistiu ao ámbito artístico-creativo para facer realidade o deseño da tote bag que prepararon previamente.

As diversas técnicas artísticas escollidas foron desde estampación con flores, tintes naturais, cosido de retais reciclados, técnica tie dye… ata o emprego de materiais de Polos Creativos como impresión de chapas, impresión 3D, E-textís, plotter de corte…














Agora tan só nos queda pasar polo ámbito de costura para rematar este primeiro deseño téxtil.

En resumo, foron unhas xornadas de compromiso, aprendizaxe e creatividade, onde nos convertimos en eco deseñadores, reflexando nas nosas creacións non só a preocupación polo medio ambiente, senón tamén o noso compromiso coa igualdade de xénero e co recoñecemento do traballo das mulleres no mundo téxtil.

Pero isto só é un adianto, porque...

"NA MATRIA TÉXTIL CADA FÍO CONTA"

E por suposto, que nós, temos moito que contar!


Proximamente...


Comentarios